As traballadoras do SAF Muxía esixen respostas ante os continuos problemas coa empresa AO Mayores

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Muxía seguimos sufrindo, unha e outra vez, situacións que consideramos abusivas e que están a xerar unha enorme preocupación entre o persoal.

Esta vez, aproveitando que a representante das traballadoras se atopaba de vacacións, a empresa AO Mayores decidiu convocar as compañeiras, unha por unha, a reunións individuais coa coordinadora, supostamente para «coñecer a plantilla». A maioría das traballadoras negouse a asistir sen a presenza da súa representante, especialmente tendo en conta que as reunións se pretendían realizar fóra do horario laboral e fóra do noso concello.

Algunhas compañeiras que decidiron acudir atopáronse, ademais, con que na reunión non estaba unicamente a coordinadora, senón tamén a avogada da empresa. Ás traballadoras dixéronlles que non era necesario acudir acompañadas pola súa representante, mentres que a propia empresa si estaba acompañada pola súa asesora legal. Unha situación que, cando menos, resulta difícil de comprender e que xerou entre as traballadoras a sensación de estar sendo presionadas ou amedrentadas.

Agora chega unha nova sorpresa: despois de tres anos gozando dun dereito que entendemos que nos corresponde, a empresa comunícanos que non temos dereito a librar un día a cambio de traballar un festivo e que, segundo eles, «non lles consta».

Estamos a falar dun dereito que temos recoñecido por escrito coa anterior empresa e que levamos exercendo desde 2023, incluído durante o último ano, xa baixo a xestión de AO Mayores. Ademais, existen resolucións xudiciais favorables relacionadas con este tipo de dereitos. Por iso, resulta incomprensible que agora se pretenda cuestionar algo que as traballadoras levamos exercendo durante anos.

A isto súmase outro problema recorrente: cada trimestre, e despois de solicitar en numerosas ocasións o reconto das horas, aproximadamente o 90 % das traballadoras aparece como debedora de horas á empresa. Cando pedimos explicacións sobre a procedencia destes cálculos, non recibimos respostas claras nin se nos explica de maneira transparente como se chega a esas cifras.

E ante esta situación, a resposta que recibimos por parte da avogada da empresa foi, segundo manifestan as traballadoras: «Denunciade, que total, cando saia o xuízo, nós xa non estaremos».

Para nós, isto non pode ser a forma de xestionar un servizo público esencial nin de tratar ás traballadoras que o prestan diariamente.

E todo isto está sucedendo co coñecemento do Concello de Muxía. O Concello coñece as queixas existentes por parte de usuarios e usuarias sobre problemas de organización do servizo e tamén ten coñecemento das reclamacións das traballadoras.

Porén, case quince días despois de enviar o noso comunicado, seguimos sen recibir resposta nin convocatoria por parte do Concello.

Non estamos falando unicamente das condicións laborais dun grupo de traballadoras. Estamos falando dun servizo que atende persoas maiores e dependentes do municipio, persoas que merecen recibir unha atención de calidade, organizada e estable. E para que iso sexa posible, tamén é imprescindible que as profesionais que prestan o servizo sexan respectadas e conten con unhas condicións laborais claras e dignas.

As traballadoras do SAF Muxía preguntámonos: canto máis temos que esperar para que alguén nos escoite?

Pedimos ao Concello de Muxía que deixe de mirar cara a outro lado, que se interese pola situación do servizo e que convoque ás traballadoras para coñecer de primeira man os problemas que estamos denunciando.

Non pedimos privilexios. Pedimos respecto, transparencia, cumprimento dos nosos dereitos e unha xestión responsable dun servizo que afecta directamente ás persoas maiores do noso municipio.

As traballadoras do SAF Muxía seguiremos defendendo os nosos dereitos e reclamando que se nos escoite.