Avanzan as obras de acondicionamento do acceso á praia de Corveiro

O Concello de Fisterra continúa cos traballos de mellora e renovación da contorna do paseo de Corveiro, cunha primeira fase centrada no miradoiro e na rede de saneamento.

O Concello de Fisterra informa do avance das obras de acondicionamento do acceso á praia de Corveiro, unha actuación destinada a mellorar este espazo e a súa integración na contorna urbana e natural.

Os traballos están subvencionados pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, a través do programa de axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos, dentro do Programa Galicia Refuxio Climático, así como das actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade do Programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos.

Esta intervención forma parte dun plan de actuación para a renovación da fachada do paseo de Corveiro, que presenta un importante desgaste debido ao paso dos anos e á exposición ás condicións ambientais.

Nesta primeira fase, as actuacións céntranse principalmente na renovación do miradoiro e na mellora do saneamento, contribuíndo así á recuperación e posta en valor deste espazo, ademais de mellorar as condicións de uso e seguridade para veciños, veciñas e visitantes.

Desde o Concello de Fisterra destacan a importancia de continuar avanzando na mellora dos espazos públicos e na adaptación das contornas urbanas aos efectos do cambio climático, apostando por actuacións que permitan conservar e poñer en valor os recursos naturais e paisaxísticos do municipio.