
Santa Comba.– A recente Asemblea Xeral da Asociación de Empresarios de Santa Comba deixou ao descuberto unha preocupante falta de implicación por parte dos seus membros. Tan só 5 persoas acudiron a unha reunión que conta cun total de 186 socios e socias, unha cifra que reflicte a profunda brecha existente dentro da entidade.
Este escaso nivel de asistencia xera inquietude no tecido empresarial local, que demanda unha asociación máis activa, representativa e capaz de defender os seus intereses. A entidade, presidida por Diego Vilas, enfróntase agora ao reto de recuperar a confianza dos seus asociados, nun contexto no que moitos empresarios seguen reclamando débedas pendentes por parte do Concello.
Ademais, outro dos puntos que suscita críticas é a organización da recente Feira de Abril, cualificada por parte do sector como un “fiasco”, debido á baixa participación cidadá e á escasa repercusión do evento.
Dende distintos ámbitos empresariais sublíñase a necesidade de contar cunha asociación forte, independente politicamente e centrada en representar e defender a totalidade das empresas locais.A situación abre un debate sobre o futuro da asociación e a súa capacidade para responder ás necesidades reais do empresariado de Santa Comba