
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026
UCIN Galicia expresou o seu firme apoio ás reivindicacións dos profesionais dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), tras as denuncias públicas sobre a falta de persoal, o peche de servizos e a precariedade operativa en distintos puntos de Galicia.
A formación cualifica de “extremadamente grave” a situación actual, na que, segundo alertan os propios traballadores, hai quendas cubertas por un único efectivo, instalacións pechadas ou con horarios limitados, e unha clara carencia de medios para garantir unha resposta rápida e eficaz ante emerxencias.
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, amosouse contundente ao sinalar que “estamos ante un problema de primeira orde que afecta directamente á seguridade da cidadanía”. Neste sentido, advertiu que “non se pode permitir que haxa concellos onde a resposta ante unha emerxencia dependa dun só bombeiro, porque iso non é eficiencia, é abandono institucional”.
Desde UCIN Galicia critican a xestión da Xunta de Galicia, á que acusan de incumprir promesas reiteradas e de relegar a un segundo plano aos pequenos e medianos concellos, especialmente dependentes destes servizos. “A Xunta leva anos prometendo reforzos que non chegan. Mentres tanto, os profesionais dos GES traballan en condicións límite e a cidadanía queda desprotexida. A seguridade non pode ser un privilexio, ten que ser un dereito garantido”, engadiu Calo.
A formación reclama medidas urxentes como o reforzo inmediato dos cadros de persoal dos GES, a cobertura de todas as quendas con equipos completos, a reapertura dos servizos pechados e a ampliación de horarios, así como un plan de investimento en medios materiais e infraestruturas.
UCIN Galicia conclúe facendo un chamamento á responsabilidade institucional e esixindo actuacións inmediatas para reverter a situación: “Galicia merece uns servizos de emerxencias dignos, con garantías e á altura das necesidades reais da poboación”.