Bardaio contará co servizo municipal de abastecemento de auga antes de que remate o ano

O Concello de Ponteceso executa unha nova rede de abastecemento cun investimento de 130.000 euros para conectar o núcleo coa rede existente en Figueiroa.

O núcleo de Bardaio, no Concello de Ponteceso, contará co servizo municipal de abastecemento de auga antes de que remate o ano, segundo as previsións municipais. As obras para a instalación da nova rede xa están en marcha e supoñen un investimento de 130.000 euros.

A actuación permitirá conectar Bardaio coa rede de abastecemento xa existente en Figueiroa, o que permitirá aos veciños deixar atrás a dependencia dos pozos privados e das traídas veciñais para o subministro de auga.

Os traballos están financiados polo Concello de Ponteceso e a Deputación da Coruña, a través do POS+, e contan cun prazo estimado de execución de tres meses. A evolución das obras, con todo, estará condicionada polas condicións meteorolóxicas.

Desde o Concello destacan a importancia desta actuación para mellorar os servizos públicos no núcleo. O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, sinala que o Goberno local ten «a vontade de mellorar estes servizos e de executalos alí onde non existan, como é o caso de Bardaio».

Con esta intervención, o Concello pretende avanzar na extensión da rede municipal de abastecemento e garantir un servizo público de auga para os veciños de Bardaio.