


O Concello de Ponteceso remata unha actuación que permite levar por primeira vez o servizo municipal de auga a esta zona da parroquia de San Martiño de Cores.
O Concello de Ponteceso vén de rematar as obras da nova rede de abastecemento de auga en Bardaio, na parroquia de San Martiño de Cores, cun investimento de 130.000 euros, financiado en colaboración coa Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos (POS+).
Trátase dunha actuación moi necesaria e demandada pola veciñanza, que permite dotar por primeira vez deste servizo municipal a unha zona na que ata o de agora os residentes dependían de pozos privados e traídas veciñais para garantir o subministro de auga.
Os traballos realizados incluíron a instalación de 361 metros de tubaxe, así como a reposición e mellora dos pavimentos afectados polas obras. Ademais, a conexión coa rede existente en Figueiroa deixa aberta a posibilidade de ampliar no futuro o servizo de abastecemento ata Riotorto.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destaca que esta intervención reflicte o compromiso do goberno local de estender os servizos públicos a todas as parroquias do municipio e mellorar a calidade de vida da veciñanza, especialmente naqueles lugares onde aínda existían necesidades básicas pendentes de atender.
Con esta actuación, Ponteceso continúa avanzando na mellora das infraestruturas municipais e na extensión dun servizo esencial como é o abastecemento de auga, co obxectivo de garantir que chegue progresivamente a todos os núcleos do municipio.
O Concello de Ponteceso segue traballando para que os servizos básicos cheguen a todas as parroquias.
