

A formación nacionalista presentou dúas iniciativas para mellorar as condicións laborais das traballadoras do SAF e evitar o asfaltado da senda da Barra, pero PP, Partido Galego e Adiante por Ponteceso impediron que fosen debatidas.
O BNG de Ponteceso fai balance do último pleno municipal, no que abordou diferentes cuestións relacionadas coa xestión económica, as infraestruturas, os servizos públicos e a defensa do territorio. A formación nacionalista critica especialmente que as dúas mocións presentadas pola súa agrupación non puidesen ser debatidas, ao contar co bloqueo do Partido Popular, Partido Galego e Adiante por Ponteceso.
Na parte de tramitación de expedientes, o BNG abstívose na modificación de crédito e votou en contra da bonificación do 50 % do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) a un Complexo da zona de Balarés. Segundo explica a formación, esta bonificación xa fora concedida o ano pasado pola apertura do establecemento e a creación de emprego en 2023. Os nacionalistas consideran que a ordenanza municipal non establece con suficiente claridade se este beneficio fiscal pode aplicarse durante varias anualidades nin durante cantos anos.
Pola contra, o BNG apoiou a nova achega provincial da Deputación da Coruña, por importe de 262.883,83 euros, a través do Plan Único de Concellos (POS+), destinada á mellora dos viais de Pazos de Arriba, San Antonio (Xornes) e Os Anxeles (Brantuas).
Apoio ás iniciativas para defender o territorio e mellorar os servizos públicos
No apartado de mocións, a formación nacionalista votou favorablemente as iniciativas presentadas polo PSdeG relativas ao transporte ao CHUAC, á atención ao río Anllóns e ás melloras para o persoal municipal.
Tamén apoiou a moción de APIN para esixir á Xunta de Galicia que non autorice ningún permiso de investigación nin concesión de explotación mineira na conca do Anllóns.
Pola súa banda, o BNG levou ao pleno dúas propostas propias. A primeira reclamaba que se incorporasen melloras nas condicións laborais das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na nova licitación do servizo, que actualmente se atopa cun contrato caducado.
A segunda solicitaba que o Goberno municipal renunciase á pavimentación da senda da Barra.
Porén, ningunha das dúas iniciativas chegou a debaterse. Segundo denuncia o BNG, PP, Partido Galego e Adiante por Ponteceso bloquearon o debate das propostas, impedindo así que se puidesen discutir no pleno.
Sen campaña de Nadal para apoiar o comercio local
Na quenda de rogos e preguntas, a voceira do BNG trasladou ao Goberno municipal diferentes cuestións, entre elas a necesidade de atender as demandas recollidas nas mocións que non puideron ser debatidas.
Unha das preguntas centrouse no apoio ao pequeno comercio e na posibilidade de organizar unha nova campaña de Nadal. A resposta do Goberno foi que este ano non haberá campaña, argumentando que «agora mesmo non hai cartos para iso».
A formación tamén preguntou polo estado das obras do aparcamento da igrexa de Cores e da pista de Gondomil. Segundo a resposta recibida, ambas as actuacións continúan sen rematar.
O BNG denuncia a falta de respecto á súa voceira
Outro dos asuntos abordados foi a distribución dos discos horarios, unha cuestión sobre a que o BNG pediu explicacións ante as contradicións rexistradas: en determinadas ocasións comunícase á veciñanza que non hai discos dispoñibles ou négaselles a súa entrega, mentres que noutros momentos volven aparecer.
A formación quería coñecer se quedan discos dispoñibles ou se están a reservar para outro momento, así como os criterios que se están a seguir para a súa distribución.
Segundo denuncia o BNG, a resposta do alcalde volveu estar marcada pola perda das formas e pola falta de respecto á súa voceira. A este respecto, sinalan que o rexedor deu por rematado o debate coa expresión: «Acabouse o debate, aquí mando eu».
Desde a formación nacionalista consideran que este comportamento non é un feito illado, senón unha actitude reiterada que non están dispostas a seguir pasando por alto.
O BNG de Ponteceso conclúe o seu balance denunciando as dificultades para exercer o labor de oposición, especialmente cando se impide o debate de propostas sobre cuestións relevantes para a veciñanza, como as condicións das traballadoras do SAF ou a protección da senda da Barra. A formación reivindica a necesidade dun funcionamento democrático do pleno, no que todas as propostas poidan ser escoitadas, debatidas e sometidas á consideración da corporación municipal.
