Cabanas convoca as axudas para material escolar do curso 2026-2027

As familias dispoñen de dez días, do 18 ao 29 de setembro, para presentar as solicitudes, tanto de maneira presencial como por vía telemática

O Concello de Cabanas abre este venres, 18 de setembro, o prazo para solicitar as axudas municipais destinadas á adquisición de material escolar para o curso 2026-2027. As persoas interesadas terán dez días, ata o 29 de setembro, para presentar a documentación no Rexistro Xeral do Concello, ben presencialmente ou a través da sede electrónica.

A convocatoria incorpora este ano novas melloras, dando continuidade ao incremento das axudas aplicado nas dúas edicións anteriores. Así, o Concello amplía novamente as contías económicas previstas, incrementando todos os importes respecto ao ano pasado.

Outra das principais novidades é o aumento do límite de renda per cápita establecido para poder acceder ás subvencións, que pasa a situarse nos 12.000 euros anuais. Esta modificación permitirá que un maior número de familias poidan beneficiarse das axudas municipais.

As subvencións están dirixidas a nais, pais, titores e familias acolledoras empadroadas en Cabanas que teñan ao seu cargo fillos e fillas de ata 23 anos. As axudas abranguen todos os niveis educativos, desde educación infantil ata os estudos universitarios.

O formulario de solicitude e as bases da convocatoria están dispoñibles xunto á información publicada polo Concello, onde se detallan os requisitos e a documentación necesaria para acceder ás axudas.

Desde o Concello tamén se informa dun erro detectado na publicación realizada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) relativo aos datos da subvención. Segundo explica a administración local, trátase dunha incidencia allea ao Concello que será corrixida mediante un anexo que se publicará no BOP nos vindeiros días. En todo caso, o Concello sinala que os datos válidos son os recollidos na presente convocatoria municipal.

Unha Aula de Estudo aberta á veciñanza

Estas axudas compleméntanse con outras medidas municipais de apoio ao estudo. Entre elas destaca a posta en funcionamento, en 2024, da Aula de Estudo da Casa da Cultura, un espazo equipado con ordenador e conexión a internet que pode ser utilizado gratuitamente tanto por persoas empadroadas como por non empadroadas.

O obxectivo desta instalación é facilitar á veciñanza un lugar adecuado para o estudo, achegando este tipo de recursos e garantindo o acceso a un espazo de traballo e preparación académica independentemente da situación de empadroamento.

Coa nova convocatoria de axudas ao material escolar e a continuidade deste tipo de recursos, o Concello de Cabanas mantén as medidas municipais destinadas a apoiar ás familias e ao alumnado durante o curso académico.