
O Concello de Camariñas iniciou as obras de reparación e conservación dun dos accesos ao Cemiterio dos Ingleses, un enclave de gran valor histórico e patrimonial situado nun espazo incluído na Rede Natura 2000.
Os traballos, que contan cun investimento de 15.000 euros, teñen como obxectivo mellorar o estado do tramo de acceso e garantir a súa conservación, facilitando así o tránsito ata este lugar de interese cultural e natural.
A actuación será executada ao abeiro dunha subvención destinada a estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural.
Desde o Concello destacan a importancia de intervir neste tipo de espazos, nos que a protección do patrimonio histórico debe ir acompañada da conservación dos valores naturais do territorio.
O Cemiterio dos Ingleses, situado na costa de Camariñas, forma parte dun espazo de especial interese paisaxístico e ambiental, polo que as actuacións de mellora deben compatibilizar a recuperación das infraestruturas coa protección do contorno.
