Cambio de paciente entre dúas ambulancias en Larín reabre o debate sobre a falta dunha UVI móbil na Costa da Morte

Un cambio de paciente entre dúas ambulancias realizado en Larín de Arriba, no apeadoiro situado tras a ponte que cruza por riba da autoestrada, volveu suscitar críticas pola falta dunha ambulancia medicalizada permanente na Costa da Morte.

Segundo relataron varios condutores que presenciaron a escena, unha ambulancia medicalizada chegou ao lugar procedente da autoestrada para realizar o traslado dun paciente desde outra ambulancia convencional. Ambos vehículos atopábanse en sentido cara á Coruña e efectuaron o cambio no apeadoiro situado xunto á vía.

Varias das persoas que observaron a intervención aseguraron que este tipo de operativos son habituais cando un paciente precisa ser atendido por unha unidade de soporte vital avanzado.

A polémica arredor desta práctica non é nova. Xa no ano 2015, o Sergas defendía como normal o traslado de pacientes entre ambulancias en puntos intermedios, incluídas gasolineiras. Daquela, Sanidade explicaba que este sistema se viña empregando desde 1998 e que non entrañaba riscos para os pacientes, ao considerar que permitía unha mellor organización dos recursos de emerxencias.

Mentres tanto, a Costa da Morte continúa sen contar cunha ambulancia medicalizada permanente, unha reivindicación histórica de institucións e colectivos da comarca.

O asunto foi debatido o pasado mes de abril no Parlamento de Galicia, onde o Partido Popular rexeitou, na Comisión de Sanidade, unha iniciativa que reclamaba a dotación dunha UVI móbil fixa para a comarca. Tras aquela decisión, a deputada socialista Patricia Iglesias acusou ao PP e ao Goberno galego de tratar aos preto de 110.000 veciños e veciñas da Costa da Morte «como cidadáns de segunda», ao negarlles «un recurso sanitario fundamental» para atender con maior rapidez as emerxencias máis graves.