
A XIX Semana do Libro e a Lectura de Carballo reafirmouse como un motor cultural imprescindible tras unha intensa semana de actividades que converteron a vila nun fervedoiro de creatividade. Cun balance final de 1.097 participantes (822 nenas e nenos e 275 persoas adultas), a iniciativa logrou conectar ás novas xeracións co pracer de ler a través de formatos presenciais e dinámicos.
A concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, amosouse moi satisfeita coa resposta da veciñanza: “Esta edición demostrou que o libro segue a ser a nosa mellor ferramenta para espertar o espírito crítico. Ver a rapazada manchar as mans coa tinta da imprenta ou rir coa maxia e os contos reafírmanos na idea de que a lectura en Carballo non é algo estático, senón unha experiencia viva, compartida e profundamente ligada á nosa lingua”, sinalou.
A semana arrincou co obradoiro de imprenta tipográfica Alouette e continuou con grandes nomes da narración oral como Soledad Felloza, Vero Rilo, Luis Iglesias, Ana Prema e Pavís Pavós. O éxito de participación escolar foi constante, especialmente nas actuacións do Mago Paco e Migallas Teatro.
Unha programación diversa e plural
Arredor do Día do Libro tamén se levou a cabo a iniciativa Lemos o que nos peta, impulsada desde o Servizo de Normalización Lingüística coa finalidade de fomentar a lectura en público e en galego. Entre as persoas participantes nesta edición estivo a propia concelleira, Ángeles Pacoret, que se sumou á lectura pública para reivindicar o pracer de ler en liberdade.
Un dos momentos máis especiais desta semana de actividades foi a ruta guiada e teatralizada na memoria de Cándido González Tiradas. Porque os libros non só se len, senón que tamén se viven, a cultura tomou as rúas de Carballo para emocionar a través das voces de Hadrián García e das actrices e actores da Aula de Teatro Municipal, e tamén para reivindicar a figura e a obra dun carballés universal.
O balance global da semana consolida a Carballo como un referente na promoción lectora. A implicación dos centros educativos (Fogar, Bergantiños, Xesús San Luís Romero, A Cristina, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo e CRA Ponte da Pedra) foi, un ano máis, a peza clave para facer que a literatura siga latexando no corazón de Carballo.