CATRO ENCAPUCHADOS ASALTAN O BAR ARBOLEDA, EN CORISTANCO, TRAS ROMPER A CRISTALEIRA CON DÚAS MAZAS

Os ladróns accederon ao establecemento, levaron elementos da zona de cobro e intentaron arrincar a máquina CashDro, pero a alarma e o acendido das luces obrigáronos a fuxir en menos de catro minutos.

O bar Arboleda, en Coristanco, foi vítima dun roubo no que participaron catro individuos encapuchados que accederon ao interior do establecemento tras romper a cristaleira lateral empregando dúas mazas.

Unha vez dentro, os asaltantes tiraron coas dúas pantallas de cobro, levaron o caixón das mesas e intentaron arrincar a máquina CashDro, causando importantes danos materiais no local.

Porén, o asalto durou menos de catro minutos. A activación da alarma e o acendido das luces fixeron que os catro individuos abandonasen rapidamente o establecemento, interrompendo a súa actuación e evitando que puidesen continuar causando máis danos.

Os propietarios agradecen a colaboración recibida

Tras contactar con Faro da Costa, os propietarios do establecemento quixeron trasladar publicamente o seu agradecemento pola rápida actuación da Garda Civil e pola colaboración de todas as persoas que lles están axudando tras o sucedido.

Tamén tiveron un agradecemento especial para Cristalería La Carballesa, pola súa rapidez e profesionalidade, acudindo de inmediato para substituír a cristaleira rota e permitirlles pechar o negocio con algo máis de tranquilidade.

Os responsables do bar recoñecen que foi un episodio moi desagradable e agradecen todas as mostras de preocupación e apoio que están recibindo nestas horas.

Finalmente, expresan o seu desexo de que se poida identificar os responsables do roubo e que feitos coma este non volvan suceder.

A alarma e a rápida reacción ante o asalto resultaron fundamentais para que os encapuchados abandonasen o local en apenas uns minutos.