
Non cabe dúbida de que as eleccións municipais do vindeiro ano xa condicionan a vida política de Malpica. O escenario actual deixa situacións cando menos curiosas: o BNG, socio clave para a gobernabilidade do Concello durante este mandato, mantén un discurso de crítica constante ao alcalde e ao goberno local, pero ao mesmo tempo non abre a porta a un pacto co PSOE. Un panorama difícil de interpretar para a veciñanza, aínda que en Malpica xa sabemos que a política local adoita sorprender.
Mentres uns e outros comezan a posicionarse de cara á próxima cita electoral, no pleno ordinario do mes de marzo de 2026 quedaron sobre a mesa varias cuestións que afectan directamente ao día a día dos veciños e veciñas.
O BNG non deixa de sorprendernos desde que na Laracha din NON e en Mazaricos di SI .
O horario do ximnasio municipal segue sen solución
A sétima pregunta formulada no pleno referiuse á ampliación do horario do ximnasio municipal, unha demanda trasladada por máis de 50 usuarios e usuarias da instalación.

A resposta do concelleiro do PP, o Sr. Parga, foi que “séguense estudando varias opcións”.
Porén, cómpre lembrar que esta mesma petición xa fora presentada no pleno de maio de 2025, cando se solicitou ampliar o horario de apertura de luns a venres entre as 9:00 e as 13:00 horas para facilitar o acceso ás instalacións deportivas e fomentar hábitos saudables. Un ano despois, a única resposta segue sendo que se está estudando.
Vehículos na senda de Santo Hadrián

Outra das cuestións trasladadas ao goberno municipal foi a circulación de vehículos pola senda de Santo Hadrián.
Segundo explicou o Sr. Parga, “non”, aínda que recoñeceu que os vehículos que acceden á zona o fan para recoller auga na fonte existente no lugar.
SAF e Centro de Día: á espera dos informes
A quinta pregunta centrouse na situación das licitacións do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e do Centro de Día.
A resposta foi que os pregos xa están entregados e que actualmente falta o visto bo dos departamentos de Intervención e Secretaría para continuar coa súa tramitación.
Trátase de dous servizos especialmente importantes para moitas familias do concello, polo que a súa situación segue xerando interese e preocupación entre a veciñanza.
A ordenanza das autocaravanas continúa acumulando retrasos
A cuarta pregunta abordou a futura ordenanza municipal reguladora do estacionamento e uso de autocaravanas, caravanas e vehículos tipo cámper.
Case dous anos despois da iniciativa presentada polo BNG para regular esta actividade, o Concello publicou recentemente o anuncio de apertura do trámite de consulta pública previa.
Ao preguntar polas previsións para a súa aprobación, o Sr. Parga respondeu que a intención é levala ao próximo pleno.
Non obstante, esta é exactamente a mesma resposta que xa fora ofrecida no pleno de xaneiro, polo que continúan as dúbidas sobre cando verá finalmente a luz unha normativa que leva meses anunciándose sen avances definitivos.
Moitas preguntas, poucas concrecións
As respostas ofrecidas polo goberno municipal deixan a sensación de que varios asuntos importantes continúan encallados en fases de estudo, informes ou anuncios de próximas aprobacións. Mentres tanto, a conta atrás para as eleccións municipais xa está en marcha e os distintos grupos políticos comezan a mover ficha.
Porque se algo caracteriza a política local de Malpica é que nada está decidido ata o último momento.