O Quinteiro de Buño presenta unha intensa programación cultural e festiva para os próximos meses

A Asociación O Quinteiro de Buño xa teñen preparada unha ampla programación de actividades para os vindeiros meses, cun calendario cheo de música, tradición, gastronomía e celebracións para todos os públicos. Ademais dos eventos xa confirmados, a organización adianta que nas próximas semanas anunciaranse novas propostas.

Festas de San Antonio (12 ao 14 de xuño)

A programación arrincará coas tradicionais Festas na Honra de San Antonio, que se celebrarán do 12 ao 14 de xuño. O inicio será o venres cunha gran churrascada popular, dando paso a varias xornadas de celebración que poderán consultarse no cartel oficial das festas.

Gran Sardiñada de San Pedro (27 de xuño)

O día 27 de xuño terá lugar a xa clásica Gran Sardiñada de San Pedro, unha cita gastronómica e festiva na que os socios da asociación poderán degustar sardiñas de balde, sempre que estean ao corrente das súas cotas. Para os non socios, o prezo será de 10 euros. A xornada estará amenizada polo grupo Charamuscas, que achegará a mellor música tradicional galega.

Concerto de Icía Varela, Haruna Chatani e Yoshimi (3 de xullo)

A música volverá ser protagonista o 3 de xullo co concerto gratuíto de Icía Varela, Haruna Chatani e Yoshimi, unha proposta que fusiona diferentes tradicións musicais. Durante o evento haberá servizo de bar e tamén polo á grella para os asistentes.

Festa Ochentera e Exposición de Coches Clásicos (11 de xullo)

O 11 de xullo chegará unha das citas máis agardadas do verán: a Festa Ochentera e Exposición de Coches Clásicos. A animación correrá a cargo do grupo Retotrool e de DJ Grobas, nunha noite dedicada á música e ao ambiente dos anos oitenta. Ademais, haberá servizo de bar e hamburguesas.

II Festival Folk O Quinteiro de Buño (7 de agosto)

O 7 de agosto celebrarase a segunda edición do Festival Folk O Quinteiro de Buño, unha aposta pola música de raíz e pola cultura tradicional. O cartel completo darase a coñecer proximamente.

Festas de Santa Filomena (8 e 9 de agosto)

As celebracións continuarán os días 8 e 9 de agosto coas Festas na Honra de Santa Filomena, das que a organización anunciará en breve toda a programación.

Eclipse con “A Máquina de Meter Medo” (12 de agosto)

Como broche desta primeira programación estival, o 12 de agosto terá lugar unha proposta singular coincidindo co eclipse. O dúo A Máquina de Meter Medo ofrecerá unha actuación especial que combina zanfoñas tradicionais e música electrónica, creando unha experiencia sonora única durante a tardiña deste fenómeno astronómico.

Desde a Asociación O Quinteiro de Buño convidan a veciñanza e visitantes a participar nestas actividades, que buscan dinamizar a vida cultural e social da parroquia e converter Buño nun punto de encontro durante todo o verán. Novas actividades e sorpresas serán anunciadas nas próximas semanas.