Comeza a reconstrución da pasarela do Carreiro, en Aguiño

O Obradoiro de Emprego TAHUME XI acomete a renovación integral dunha pasarela de preto de 300 metros cun investimento aproximado de 60.000 euros

As obras de reconstrución da pasarela do Carreiro, en Aguiño, xa están en marcha. A actuación, impulsada polo Concello de Ribeira a través do Obradoiro de Emprego TAHUME XI, contempla a renovación integral desta infraestrutura, cunha lonxitude aproximada de 300 metros e un investimento que rolda os 60.000 euros.

A intervención responde a unha actuación moi demandada pola veciñanza, ao tratarse dun espazo de uso habitual que precisaba dunha renovación.

A obra ten ademais un carácter formativo, xa que permitirá ao alumnado da especialidade de carpintería do TAHUME XI poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante a súa formación, participando directamente nunha actuación real.

Segundo destaca o Concello de Ribeira, trátase da obra de maior contía realizada na historia dos once Obradoiros de Emprego TAHUME, o que pon de manifesto a dimensión desta intervención tanto desde o punto de vista da mellora da infraestrutura como da formación práctica do alumnado.

Con esta actuación, o Concello busca recuperar e mellorar a pasarela do Carreiro, ao tempo que ofrece ao alumnado unha oportunidade para desenvolver as súas capacidades nun proxecto de interese para o conxunto da veciñanza de Aguiño.