David Ferreiro regresa á competición co obxectivo de conquistar o Autocross Xunta de Galicia

O piloto das Salgueiras, en Coristanco, David Ferreiro Caamaño volverá este 2026 á competición tras varios anos afastado dos circuítos, facéndoo ademais cunha meta moi clara: loitar polo título no Campionato de Autocross Xunta de Galicia na Clase I (-2000 C.C.).

Durante este tempo lonxe da competición, Ferreiro non estivo desvinculado do motor, xa que o pasado ano exerceu como adestrador de diferentes proxectos, mantendo así o contacto co mundo do autocross. Agora, coa ilusión renovada, decide dar o paso de regresar como piloto e competir ao máximo nivel.

O seu debut nesta tempada terá lugar o vindeiro 25 de abril en Rianxo, na segunda proba do campionato. Esta carreira será a súa primeira aparición do ano, xa que non puido asistir á cita inaugural por motivos persoais.

Este regreso non sería posible sen o apoio fundamental dos seus patrocinadores, que apostaron firmemente polo proxecto. Entre eles destacan: Optica y Parafarmacia Pose, Clínica Pose, Maquinaria Agrícola O Rubio, Servicios Agrícolas Fran, Panadería Maymar, Pedreira Tech Solutions, Flores de Rei e Costa da Morte Web.

Con experiencia, motivación e un equipo comprometido ao seu carón, David Ferreiro afronta esta nova etapa coa intención de ser competitivo desde o primeiro momento e loitar polo campionato galego.