Iago Toba denuncia a “inacción política” no Concello de Muxía e cualifica de “engaño” o actual goberno

Muxía.– O exalcalde de Muxía, Iago Toba Campaña, fixo públicas duras críticas á situación política actual do municipio, denunciando a “inacción” na que, segundo afirma, está sumido o Concello baixo o goberno saído da moción de censura.

Toba cualificou de “engaño” e “bluff” o pacto que levou ao poder a unha coalición formada por PP e independentes co apoio do BNG, asegurando que “se vendeu á veciñanza como un ‘super-goberno’ que ía mellorar a situación do municipio, pero que non está a cumprir coas expectativas”.

O exrexedor sostén que a moción de censura respondeu a intereses alleos ao ben común, mencionando “odio, negocio e envexa” como motivacións principais, e engade que os promotores da mesma “sabían que mediante eleccións non conseguirían o goberno”.

Na súa valoración, Toba alerta de que Muxía está a entrar “nunha decadencia e nunha situación de caos difícil de negar”, facendo un chamamento á responsabilidade política e cidadá.

Finalmente, o exalcalde apelou á veciñanza como elemento clave no futuro do municipio: “Muxía non merece isto, pero hai algo co que non contan: o poder é da veciñanza”. Neste sentido, lembrou a proximidade das eleccións, nas que “as urnas falarán”.

As declaracións de Toba reabren o debate político no municipio nun contexto preelectoral que se prevé intenso.