
A Laracha, 14 de xullo de 2026. Máis de douscentos veciños e veciñas participaron este luns nunha cadea humana convocada pola Plataforma Stop Biogás A Laracha para expresar o seu rexeitamento ao proxecto de macroplanta de biogás previsto na parroquia de Soandres.
A mobilización desenvolveuse nunha finca privada situada nas inmediacións da parcela onde se proxecta a instalación. Durante o acto, os asistentes reclamaron a paralización da iniciativa ao considerar que a localización elixida non é a axeitada e que este tipo de infraestruturas supoñen un risco para o medio ambiente ao tratar residuos procedentes de fóra da contorna.
Baixo lemas como «Biogás aquí non, porque a localización non é a axeitada» e «Biogás así non, porque estas macroplantas xestionan residuos non xerados na contorna e danan a biodiversidade do río e dos acuíferos», a veciñanza reiterou a súa preocupación polos posibles impactos ambientais e sociais do proxecto.
Un dos aspectos que máis inquietude xera entre os integrantes da plataforma é a afección ao río Anllóns. Segundo denuncian, a planta podería verter ao cauce unha importante cantidade de residuos líquidos tratados, nun tramo que xa sofre problemas de escaseza de caudal, o que, ao seu xuízo, podería afectar á biodiversidade do río, aos acuíferos e á calidade da auga utilizada por milleiros de persoas nos concellos polos que discorre o Anllóns.
Esta foi a terceira cadea humana organizada pola Plataforma Stop Biogás A Laracha, que anunciou a súa intención de repetir esta acción reivindicativa cada día 13 de mes. A escolla da data responde ao 13 de abril, día no que o proxecto foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Desde a plataforma aseguran que manterán a presión social e institucional para conseguir a paralización da macroplanta. Tras a presentación de alegacións, a celebración de reunións con entidades, expertos e administracións públicas, así como a organización dunha multitudinaria manifestación na Laracha, o colectivo prepara novas iniciativas.
Entre elas destaca a creación dunha asociación veciñal, ecoloxista e cultural, ademais da posta en marcha de accións de asesoramento legal e xurídico co obxectivo de explorar todas as vías posibles para frear a execución do proxecto.
«Non imos parar; manteremos viva a nosa loita ata que este proxecto se paralice», insisten desde a Plataforma Stop Biogás A Laracha.