Muros Centrado leva ao Pleno unha moción para reclamar unha Unidade de Prescrición Médica no Concello de Muros

O grupo municipal Muros Centrado presentará no vindeiro Pleno do Concello unha moción para solicitar á Xunta de Galicia e ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a inclusión do municipio de Muros no Plan Unitario de Prescrición de Receitas Médicas, mediante a creación dunha Unidade Específica de Prescrición ou a adscrición do concello a unha das unidades xa existentes.

O concelleiro Manuel S. Lago Álvarez considera que a situación actual provoca importantes demoras na renovación das receitas médicas, obrigando á veciñanza a solicitar cita e agardar varios días para realizar trámites que, na maioría dos casos, teñen un carácter meramente administrativo.

Segundo explica a moción, esta realidade afecta especialmente ás persoas maiores, aos pacientes con enfermidades crónicas, ás persoas dependentes e ás súas familias, ao tempo que incrementa a carga burocrática dos profesionais da Atención Primaria, reducindo o tempo que poden dedicar á atención asistencial.

Muros presenta ademais unhas características que fan especialmente necesaria esta medida, como son o elevado índice de envellecemento da poboación, a dispersión territorial, o aumento das enfermidades crónicas e as dificultades de mobilidade que padecen moitos veciños e veciñas.

Desde Muros Centrado sinalan que a implantación dunha Unidade de Prescrición Médica permitiría reducir significativamente os tempos de espera, facilitar a renovación das receitas, evitar desprazamentos innecesarios ao Centro de Saúde e liberar aos médicos de tarefas administrativas, mellorando así a calidade da atención sanitaria.

A moción tamén solicita que o SERGAS reforce os recursos humanos destinados á xestión das receitas no Centro de Saúde de Muros e que estableza procedementos específicos para garantir unha renovación máis áxil da medicación das persoas con tratamentos crónicos, dependentes e maiores.

Entre os acordos que se propoñen figura tamén o traslado da iniciativa á Presidencia da Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade, á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza e aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.

Para Muros Centrado, garantir un acceso rápido e eficiente á prescrición farmacolóxica é unha cuestión de equidade territorial e de calidade dos servizos públicos. O grupo municipal considera que a cidadanía de Muros merece contar cos mesmos recursos sanitarios que xa existen noutros concellos, evitando demoras innecesarias e contribuíndo a unha Atención Primaria máis áxil, eficiente e centrada nas persoas.