ESPAZO COMÚN AMES cuestiona a actuación do Goberno municipal e acusa o alcalde de incumprir o procedemento que el mesmo defende

Ames. Espazo Común Ames responde ás recentes declaracións do alcalde, García, nas que, ante as críticas pola falta de transparencia e pola forma de actuar do Goberno municipal, sinalaba que os grupos da oposición estarían xa «en campaña».

Desde Espazo Común Ames consideran que estas afirmacións non responden ás cuestións de fondo e lembran que foi o propio alcalde quen afirmou que «calquera concelleiro ou grupo político debería saber que unha ordenanza fiscal ou un regulamento teñen que ser aprobados polo pleno da Corporación e, previamente, deben pasar polo correspondente período de exposición pública».

Segundo explicou o rexedor, nos próximos días «convocarase a comisión creada ao efecto para expoñer e debater tanto o regulamento como a ordenanza fiscal», un marco no que, asegurou, se poderán «coñecer, analizar e formular as propostas que correspondan».

Para Espazo Común Ames, existe unha contradición evidente entre estas palabras e a maneira na que se está a desenvolver o proceso. «Nin le, nin respecta o que el mesmo propón e aproba», sinalan desde a formación.

O grupo considera que a transparencia e a participación dos grupos municipais deben estar presentes desde o inicio da tramitación, e non limitarse a unha fase posterior na que as decisións xa estean previamente encamiñadas.

Desde Espazo Común Ames reclaman, polo tanto, que o Goberno municipal respecte os procedementos establecidos e facilite aos grupos da oposición toda a información necesaria para poder analizar e formular as propostas correspondentes con garantías.

A formación conclúe que as críticas realizadas pola oposición non deben ser interpretadas como unha cuestión de calendario electoral, senón como un exercicio de control e fiscalización da acción do Goberno municipal, especialmente cando están en xogo regulamentos e ordenanzas que afectarán directamente á veciñanza de Ames.