
A formación propón mobilizar o solo municipal e reclamar financiamento da Xunta e do Estado para construír vivenda pública e protexida en alugueiro accesible
Espazo Común Mazaricos reclama ao Concello que impulse unha política activa de vivenda pública como ferramenta para facilitar o acceso á vivenda e contribuír á fixación de poboación no municipio.
A formación considera que as novas posibilidades que abre o novo decreto de vivenda deben chegar tamén aos concellos do rural e traducirse en actuacións concretas. Neste sentido, sinala que Mazaricos conta con solo municipal que podería poñerse ao servizo das familias e da veciñanza.
Desde Espazo Común Mazaricos destacan que existen familias novas que queren permanecer no municipio, persoas que desexan regresar e veciños e veciñas que atopan cada vez máis dificultades para acceder a unha vivenda en alugueiro debido á evolución dos prezos.
Por este motivo, a formación formula unha proposta baseada en catro eixes: poñer o solo municipal ao servizo da cidadanía, reclamar financiamento á Xunta e ao Estado, construír vivenda pública e protexida en alugueiro accesible e utilizar a política de vivenda como instrumento para fixar poboación no rural.
Espazo Común Mazaricos considera que non abonda con conceder axudas para facer fronte aos alugueiros, senón que é necesario crear un parque público de vivenda que permaneza no tempo e que estea destinado de maneira estable a facilitar o acceso á vivenda.
A formación defende que unha política deste tipo permitiría ofrecer novas oportunidades ás familias, á mocidade e ás persoas que queren regresar ao municipio, ao tempo que contribuiría a combater o despoboamento e favorecer o futuro do rural.
“Temos solo. Temos xente. Temos futuro. O que precisamos é vontade e recursos para facelo realidade”, sinala Espazo Común Mazaricos.
A formación reclama así que Mazaricos sexa incluído nas políticas de impulso da vivenda pública e que as distintas administracións colaboren para aproveitar o solo dispoñible e converter a vivenda nunha ferramenta para garantir novas oportunidades no municipio.
“Mazaricos non quere esmolas, quere futuro”, conclúe Espazo Común Mazaricos.
