
A segunda xornada de ‘Muros mira ao mar’ volveu converter a vila nun punto de encontro para os amantes da navegación tradicional, cunha destacada participación de embarcacións e tripulacións chegadas de distintos puntos de Galicia.
A navegación matinal foi unha das actividades máis agardadas do día, permitindo que un total de 23 embarcacións tradicionais lucisen as súas fasquías nas augas da ría de Muros. Máis de 80 tripulantes, pertencentes ás diferentes asociacións integradas en Culturmar, participaron nesta travesía que puxo en valor o patrimonio marítimo galego e o labor de conservación desenvolvido polas entidades dedicadas á cultura mariñeira.
A programación concluirá mañá coa despedida das embarcacións visitantes, poñendo o broche final a unhas xornadas que volveron demostrar o interese e a boa acollida desta iniciativa.
Con todo, a actividade da Mariña Tradicional de Muros continuará ao longo de todo o ano, consolidándose como un espazo permanente para divulgar e achegar o patrimonio marítimo ás persoas interesadas na cultura do mar e na navegación tradicional.
Neste espazo seguirán tendo protagonismo as bucetas, canoas e lanchas xeiteiras, embarcacións características da ría de Muros e Noia, así como o emblemático galeón Abelleira, construído na década de 1940. Esta histórica embarcación constitúe unha das grandes referencias da mariña tradicional galega e conserva un valioso legado que permite manter viva a memoria da navegación e dos oficios do mar.