

O Concello de Fisterra segue avanzando nas actuacións de acondicionamento e mellora da contorna do Cabo Fisterra, un dos espazos máis representativos e visitados do municipio.
Nos últimos días completáronse os traballos de pintado das marcas viarias, dos pasos de peóns, das zonas de aparcadoiro e da sinalización horizontal. Ademais, durante esta xornada executouse o reacondicionamento da senda peonil, que presentaba un importante desgaste debido ao uso continuado e ás condicións meteorolóxicas.
Segundo informou o Concello, estas intervencións teñen como principal finalidade reforzar a seguridade e a accesibilidade, así como contribuír á conservación dun enclave de gran valor turístico e patrimonial. O obxectivo é ofrecer unhas mellores condicións tanto á veciñanza como aos milleiros de peregrinos e visitantes que chegan ao cabo ao longo do ano.
O goberno local avanzou que os traballos continuarán nas próximas semanas con novas actuacións de limpeza e mellora da contorna, co propósito de seguir poñendo en valor un dos principais atractivos naturais e turísticos de Fisterra.