Extinguido o incendio forestal declarado en Carnota tras mobilizar un amplo operativo

Carnota. O incendio forestal declarado na tarde do martes na parroquia de San Mamede, no municipio de Carnota, quedou completamente extinguido ás 04.48 horas deste mércores, segundo informou a Consellería do Medio Rural.

O lume iniciouse ás 15.27 horas do martes e obrigou a mobilizar un importante dispositivo de extinción. A rápida intervención dos equipos permitiu que o incendio quedase controlado arredor das 17.30 horas, menos de dúas horas despois da súa declaración, evitando que o avance das lapas fose a maiores.

Durante as labores de extinción participaron oito axentes, 13 brigadas, oito motobombas, un helicóptero e dous avións, ademais dos medios despregados nas primeiras horas, entre eles efectivos do SPIF e do GES de Muros.

A columna de fume xerada polo incendio foi visible desde distintos puntos da costa, provocando preocupación entre os veciños e visitantes da zona. Porén, a actuación coordinada dos equipos de emerxencia permitiu controlar a situación con rapidez.

As autoridades lembran a importancia de extremar as precaucións durante a época de alto risco de incendios e insisten en evitar calquera actividade que poida provocar un lume no monte. As causas do incendio continúan baixo investigación.