Yulisa López e Romina Soneira incorporaranse ao grupo municipal do PP de Camariñas en setembro

As novas concelleiras substituirán a Manuel Mejuto e Marta Mouzo, que renunciaron á súa acta por motivos persoais

Camariñas, 21 de xullo de 2026. O Grupo Municipal do Partido Popular de Camariñas incorporará a partir do próximo mes de setembro dúas novas concelleiras. Yulisa López e Romina Soneira asumirán as actas deixadas por Manuel Mejuto e Marta Mouzo, quen renunciaron recentemente por motivos persoais que lles impiden continuar na primeira liña da actividade política.

Ambas as dúas formaron parte da candidatura do Partido Popular nas eleccións municipais de 2023 e pasarán agora a integrarse no equipo que lidera a portavoz popular, Paula Mouzo Mas.

A voceira do PP agradeceu publicamente o compromiso e o traballo desenvolvido por Manuel Mejuto e Marta Mouzo durante a súa etapa como concelleiros, destacando a súa implicación co proxecto político e coa veciñanza de Camariñas.

«Quero agradecerlles o esforzo, a responsabilidade e o compromiso que demostraron durante todo este tempo. Aínda que deixan a súa acta, seguirán colaborando e apoiando o noso proxecto, polo que continúan formando parte desta gran familia», sinalou Paula Mouzo.

Do mesmo xeito, deu a benvida ás dúas novas integrantes do grupo municipal, das que destacou o seu traballo previo dentro da organización.

«Yulisa López e Romina Soneira levan tempo traballando pola nosa alternativa de goberno para Camariñas e estou convencida de que desempeñarán esta nova responsabilidade con ilusión, dedicación e moitas ganas de seguir defendendo os intereses dos veciños e veciñas», afirmou.

Coa incorporación das novas concelleiras en setembro, o Partido Popular reforza o seu grupo municipal e dá continuidade ao seu proxecto político no Concello de Camariñas.