Falece un traballador tras caer dun edificio en construción en Negreira

O accidente laboral produciuse na mañá deste mércores na avenida de Santiago

Un traballador faleceu este mércores tras sufrir unha caída mentres participaba nas obras dun edificio en construción situado na avenida de Santiago, en Negreira.

O aviso do accidente chegou ao 112 Galicia arredor das nove da mañá, cando un particular alertou dun posible accidente laboral no inmoble.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activáronse os recursos necesarios para atender a emerxencia. Ata o lugar desprazouse persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como efectivos da Policía Local e da Garda Civil.

Os axentes da Garda Civil acudiron ao inmoble para recoller información e investigar as circunstancias nas que se produciu o sinistro laboral.

A pesar da intervención dos servizos de emerxencias, o equipo sanitario desprazado ao lugar confirmou o falecemento do traballador.

As circunstancias exactas da caída e do accidente están agora pendentes de investigación.