
Un traballador de 62 anos resultou ferido este xoves tras sufrir unha caída mentres realizaba tarefas na nova tenda do centro comercial A Revolta, en Carballo, que se atopa en fase de obras.
Segundo informaron os servizos de emerxencias, o operario, pertencente a unha empresa de climatización, estaba desprazando unhas caixas situadas xunto a un muro cando se precipitou desde unha altura aproximada de metro e medio ata o chan.
Nun primeiro momento, o estado do traballador non parecía revestir gravidade. Con todo, foi trasladado en ambulancia ao Punto de Atención Continuada (PAC) para recibir asistencia sanitaria.
Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos da Policía Local e da Garda Civil para atender a incidencia.
