
O acto celebrarase ás 19.30 horas no Alda Cabanas Hotel e contará coa participación de Diego Calvo e José Manuel Rey Varela.
O Partido Popular de Cabanas celebrará este sábado, ás 19.30 horas, no Alda Cabanas Hotel, o acto de presentación da súa candidatura ás eleccións municipais de 2027. Unha cita na que o actual alcalde, Fernando Couce, presentará a súa candidatura coa intención de volver optar á Alcaldía e revalidar o mandato.
O encontro contará coa participación de dous destacados representantes do Partido Popular galego: Diego Calvo, conselleiro da Xunta de Galicia e presidente do PP provincial, e José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol e senador.
A presentación servirá para escenificar o apoio do partido á candidatura de Fernando Couce e poñer en valor o proxecto político do PP para o futuro de Cabanas, coa vista posta na próxima convocatoria electoral.
Así mesmo, durante o acto abordarase a importancia das eleccións xerais no actual contexto político, trasladando a mensaxe do Partido Popular de que a súa papeleta representa a mellor opción de futuro.
Con esta convocatoria, o PP de Cabanas dá un novo paso na preparación das eleccións municipais de 2027, situando a Fernando Couce como a súa aposta para continuar á fronte do goberno local.
