Ferrol adxudica por 96.750 euros a reforma de catro postos exteriores do mercado de Caranza

As obras, cun prazo de execución de catro meses, permitirán recuperar locais en desuso e ampliar a oferta comercial do mercado.

A Xunta de Goberno Local de Ferrol aprobou a adxudicación das obras de reforma dos postos exteriores números 3, 4, 5 e 6 do mercado de Caranza á empresa Reformas Rebeva SL, por un importe de 96.750,29 euros. Os traballos contarán cun prazo de execución de catro meses.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, destacou que esta actuación permitirá impulsar a actividade do mercado mediante a recuperación de locais que actualmente están en desuso, favorecendo o emprendemento e a diversificación da oferta comercial deste espazo municipal.

O proxecto contempla o acondicionamento dos catro locais, situados na primeira planta do mercado e con acceso directo desde o vial público ao que dan fronte.

Unha vez rematadas as obras, está previsto que os espazos acollan unha floraría, unha mercería e un establecemento de Loterías e Apostas do Estado, ampliando así os servizos dispoñibles para a veciñanza.

Rey Varela subliñou tamén a aposta municipal polos mercados como motores da economía de proximidade e como espazos de servizo aos barrios. «Estamos facendo unha aposta clara polos mercados municipais como espazos de actividade económica, de proximidade e de servizo aos barrios», afirmou o rexedor.

Con esta intervención, o Concello busca recuperar espazos comerciais sen actividade e reforzar o papel do mercado de Caranza como punto de referencia para o comercio local e a vida cotiá do barrio.