

O Concello de Fisterra súmase á iniciativa «CEO no Camiño», enmarcada no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, cunha proposta de divulgación e aprendizaxe centrada no ceo galego e na descuberta do universo.
A actividade celebrarase o venres 23 de outubro, de 18:00 a 21:00 horas, no Mercado Cultural de Fisterra, e permitirá achegar a astronomía a persoas de todas as idades a través de diferentes experiencias inmersivas e recursos divulgativos.
Como Destino Turístico Starlight, Fisterra conta cun ceo que forma parte do seu patrimonio natural e que ofrece un escenario privilexiado para a observación e a divulgación astronómica. Con esta iniciativa, o municipio aposta por poñer en valor este recurso e fomentar o interese pola ciencia e o coñecemento do universo.
A programación incluirá fotografía astronómica, documental, realidade virtual e un planetario portátil, propostas pensadas para descubrir o cosmos desde unha perspectiva diferente e achegar a astronomía ao público dunha maneira didáctica e participativa.
A actividade será gratuíta e aberta a todos os públicos, ofrecendo unha oportunidade para gozar dunha experiencia educativa e divulgativa arredor do ceo e do universo.
