
Os operativos de control permitiron tamén incautar 63 cacharros para a captura de polbo, 500 metros de redes e máis de 190 quilos de peixe e marisco
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026. – O Servizo de Gardacostas de Galicia retirou un total de 371 nasas fondeadas de xeito irregular durante a última semana, no marco dunha intensa campaña de controis e inspeccións desenvolvida por terra e mar ao longo do litoral galego.
Ademais destas artes de pesca destinadas á captura de crustáceos e cefalópodos, os axentes incautáronse de 63 cacharros para a captura de polbo na ría de Muros-Noia e de 500 metros de aparellos de enmalle, dos que 400 metros correspondían a trasmallos e os 100 restantes a vetas, localizados na ría de Vigo.
Os operativos permitiron tamén retirar dez viveiros de rede nos portos de Ribadeo e Ortigueira, así como un salabardo e un restrelo de man en Barallobre.
Máis de 190 quilos de peixe e marisco comisados
No relativo ás capturas, os inspectores requisaron máis de 190 quilos de distintas especies de peixe e marisco en varios puntos da costa galega. Entre os produtos incautados destacan preto de 126 quilos de polbo, interceptados en zonas como o Berbés, Fisterra, Muros-Noia e a ría de Corcubión.
A estas cantidades súmanse máis de 31 quilos de centola, comisados en Mugardos, Ribadeo e Alcabre, así como preto de 17 quilos de ameixa xaponesa e rubia. Os axentes tamén interviñeron cantidades menores de calamar, lumbrigante e nécora.
As especies que aínda se atopaban vivas foron devoltas inmediatamente ao mar, co obxectivo de favorecer a súa supervivencia e contribuír á conservación dos recursos mariños.
Intervención na lonxa de Corcubión
Durante este mesmo período, a Unidade Operativa de Servizos Centrais de Gardacostas desenvolveu unha actuación por terra na lonxa de Corcubión. Como resultado da inspección, levantouse unha acta por unha presunta infracción e incautáronse 4.000 quilos de bocarte, que posteriormente foron entregados a un centro benéfico.
A Consellería do Mar mantén así a súa actividade de vixilancia e control para combater as prácticas irregulares no sector pesqueiro, garantir o cumprimento da normativa e protexer os recursos do mar.
Estas intervencións buscan tamén defender os intereses dos profesionais que desenvolven a súa actividade de acordo coa lexislación vixente e contribuír á sustentabilidade da pesca e do marisqueo en Galicia.




