
O Concello de Monfero inaugurou oficialmente o novo Centro Social do Canedo, un equipamento situado nunha antiga casa reitoral que foi rehabilitada para converterse nun espazo destinado ao uso da veciñanza.
O acto de inauguración estivo presidido polo alcalde en funcións, Alberto Cortizas, que destacou a importancia da recuperación do inmoble e da creación de novos espazos para actividades e servizos públicos no rural.
O edificio conta con máis de 200 metros cadrados e foi acondicionado con criterios de accesibilidade e eficiencia enerxética. Entre as súas instalacións figuran dúas salas polivalentes, destinadas a obradoiros, cursos, actividades deportivas e reunións, así como unha zona de oficinas e despachos equipada con climatización por aerotermia.
O complexo dispón tamén dunha parcela exterior de 5.629 metros cadrados, que poderá empregarse para actividades ao aire libre.
Segundo informou o Concello, o proxecto contou cunha axuda de algo máis de 490.000 euros procedente do Instituto para a Transición Xusta, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Na inauguración participaron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o portavoz da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández; e a axente territorial de Transición Xusta, Nuria Álvarez.
Coa apertura do centro, o Concello incorpora un novo espazo comunitario destinado a acoller actividades sociais, formativas e de lecer para a veciñanza de Monfero.



