Queixas en Porto do Son polo estado dun parque infantil: «Isto xa non é un parque infantil, é un parque temático dos horrores»

Veciños de Porto do Son denuncian o estado de conservación dun parque infantil e reclaman ao Concello que acometa canto antes os traballos necesarios para garantir a seguridade dos máis pequenos.

Segundo as queixas trasladadas polos usuarios, o espazo presenta maleza, elementos de madeira astillados, presenza de óxido e parafusos ou pezas metálicas que sobresaen, situacións que, segundo advirten, poden supoñer un risco para os nenos que utilizan as instalacións.

«Isto xa non é un parque infantil, é un parque temático dos horrores», lamentan os veciños, que reclaman unha actuación para poñer as instalacións en condicións adecuadas de uso.

As críticas tamén apuntan ao compromiso adquirido polo alcalde durante a pasada campaña electoral, cando se prometeu cubrir o parque infantil. «A estas alturas xa non lle pedimos tanto. Só pedimos algo básico: que o parque estea en condicións e sexa seguro para os nenos», sinalan.

Os usuarios consideran que o mantemento e a revisión periódica destas instalacións deberían ser unha prioridade, especialmente cando se trata dun espazo destinado aos máis pequenos.

A reclamación veciñal é clara: retirar a maleza, reparar ou substituír a madeira deteriorada, eliminar o óxido e corrixir calquera elemento cortante ou parafuso que sobresaia, ademais de revisar o conxunto das instalacións para comprobar que cumpren as condicións de seguridade necesarias.

«A seguridade dos máis pequenos debería ser unha prioridade», conclúen os veciños.