
As ximnastas de Pontedeume Leire Ponce e Aine Varela proclamáronse subcampioas de España de Ximnasia Rítmica tras conseguir a medalla de prata no Campionato Nacional Base de Conxuntos, celebrado en Cartagena (Murcia).
O éxito chegou o pasado venres, 20 de novembro, cando ambas deportistas competiron como integrantes do conxunto Cadete Base do Club Acordes Narón, entidade á que están cedidas durante esta tempada.
Este resultado supón un importante recoñecemento ao talento, esforzo e dedicación das dúas ximnastas, así como ao traballo desenvolvido polas súas adestradoras.
O Concello de Pontedeume trasladou os seus parabéns a Leire Ponce e Aine Varela por este logro deportivo, facendo extensiva a felicitación ás súas adestradoras e desexándolles novos éxitos nas próximas competicións.
