
O Concello de Zas e a Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos presentaron máis de 1.200 recursos de reposición contra o permiso de investigación mineira que afecta ao municipio. Esta elevada cifra de alegacións reflicte un amplo rexeitamento social ao proxecto, considerado pola veciñanza como unha ameaza para o territorio.
Segundo informan as entidades promotoras da iniciativa, a mobilización cidadá evidencia a preocupación pola protección do medio ambiente, da paisaxe e da actividade agrogandeira, sectores clave para a economía e a identidade local.
Desde o Concello e a asociación veciñal agradecen a participación das persoas que apoiaron esta acción colectiva, destacando o compromiso da poboación coa defensa do seu entorno e da súa calidade de vida.
Ambas as entidades reiteran a súa intención de continuar traballando conxuntamente na defensa dos intereses da veciñanza e na oposición ao proxecto mineiro no municipio.