
A chuvia non impediu que máis de 800 persoas participasen este sábado na terceira edición da Carreira e Andaina Camiños da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, unha cita deportiva organizada pola Deputación da Coruña que volveu reunir corredores, camiñantes e familias arredor do deporte e da natureza.
A xornada contou con diferentes modalidades adaptadas a todas as idades. A andaina, de cinco quilómetros, partiu de Garga-Trasmonte, no concello de Oroso, mentres que a carreira principal, de dez quilómetros, comezou en Ordes-A Pontraga e rematou en Oroso-Vilacide.
O programa incluíu tamén probas escolares de 2 quilómetros, 1 quilómetro e 400 metros, nas que os máis pequenos recibiron unha medalla pola súa participación.
Na proba absoluta de dez quilómetros, David Santos Domínguez, do Club Atletismo Tambre, proclamouse vencedor cun tempo de 33 minutos e 13 segundos. Na categoría feminina, a primeira posición foi para Nía Franco, do Club Trieme As Pontes, cun rexistro de 43 minutos e 19 segundos.
A iniciativa permitiu aos participantes gozar dunha xornada de actividade física nun percorrido marcado pola paisaxe e pola historia do antigo trazado ferroviario que comunicaba Santiago de Compostela coa Coruña.
A organización agradeceu a participación dos deportistas, dos clubs e do voluntariado que fixeron posible unha nova edición desta convocatoria, que consolida a Vía Verde como escenario para a práctica deportiva e o lecer ao aire libre.







