
Desde Faro da Costa criticamos a falta de pluralidade e o trato desigual cara ás asociacións que defenden o territorio da Ruña.
Malestar na plataforma Salvemos A Ruña tras comprobar que Ana Miranda, a gran «demócrata», non permite que determinados usuarios ou colectivos comenten no seu muro das redes sociais.
O único que pretendiamos era trasladarlle unha mensaxe clara e respectuosa: «Galiza tamén se defende na Ruña», ademais de enviarlle un saúdo.
Resulta cando menos sorprendente que representantes políticos que defenden publicamente a liberdade de expresión e a participación cidadá adopten este tipo de actitudes nas redes sociais, limitando a posibilidade de que determinadas voces poidan expresar a súa opinión.
Desde Faro da Costa consideramos especialmente preocupante o que entendemos como un trato desigual cara ao movemento asociativo. Mentres determinadas iniciativas e campañas reciben atención e apoio, outras, como a defensa da Ruña, parecen quedar á marxe.
É difícil comprender que A Ruña non teña a mesma voz nin o mesmo espazo de atención, mentres si se dá visibilidade a outras campañas contra Altri, os proxectos de biogás ou outras causas políticas e ambientais.
Tamén chama a atención esta diferenza de actitude respecto doutras iniciativas similares na Laracha, onde parece existir unha maior disposición a escoitar e dar voz a determinados colectivos.
Desde Faro da Costa reivindicamos que todas as asociacións e plataformas teñan o mesmo dereito a ser escoitadas, independentemente de quen estea detrás das súas reivindicacións.
A defensa do territorio non debería entender de cores políticas, simpatías nin intereses partidistas. A Ruña tamén existe, tamén merece atención e, sobre todo, tamén ten dereito a ser escoitada.
Porque Galiza tamén se defende na Ruña
