
A cita será este venres, 21 de agosto, cunha mañá dedicada á creatividade, á imaxinación e á tradición
A praia de Area Maior volverá converterse este venres, 21 de agosto, nun gran espazo de creatividade coa celebración do XXIV Concurso de Barcanas e Castelos de Area, unha das citas tradicionais do verán no concello de Malpica.
A actividade dará comezo ás 10:30 horas, momento no que as persoas participantes poderán poñer en marcha as súas creacións. Os traballos prolongaranse ata as 13:00 horas e, cinco minutos despois, ás 13:05 horas, terá lugar a votación do público.
Ás 13:30 horas está prevista a comunicación das persoas e grupos gañadores, así como a correspondente entrega de premios.
O concurso contará con catro modalidades: infantil, destinada a nenos e nenas de ata 10 anos; amateur, para participantes desde os 10 anos; barcanas, reservada á elaboración de barcanas tradicionais; e o Premio Especial do Público, que recoñecerá a escultura máis votada polos asistentes.
En total, entregaranse seis premios, con trofeos e vales de ata 130 euros, ademais dos recoñecementos especiais e do premio da categoría infantil.
As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición no Departamento de Educación e Cultura, no Centro Cívico de Malpica, ou na propia praia de Area Maior, nos horarios indicados no cartel da actividade.
O Concello de Malpica anima a veciñanza e visitantes a participar nesta proposta e a deixar voar a súa imaxinación nunha xornada pensada para gozar en familia da praia, da creatividade e da tradición.