Manuel Lago, líder de Muros Centrado, advirte que defenderá a súa honra nos tribunais fronte ás calumnias e difamacións

O líder de Muros Centrado, Manuel Lago, asegura que non lle sorprende que nos próximos meses se intensifiquen as críticas contra el, aínda que advirte de que non está disposto a tolerar insultos, mentiras, difamacións ou calumnias.

«Que son un obxectivo a sacudir paréceme normal, pero facer uso da mentira, insulto, difamación, calumnia, etc., sobra e moito», manifesta Lago, quen considera que agocharse detrás dunha pantalla non dá dereito a cruzar determinadas liñas.

O responsable de Muros Centrado subliña que respecta plenamente a liberdade de expresión e defende o valor das críticas construtivas como unha oportunidade para aprender e mellorar. Porén, marca unha clara diferenza entre as opinións críticas e os ataques persoais que, ao seu xuízo, exceden os límites do respecto.

«Das críticas sas aprendo, pero pasar de aí, non», afirma.

Ante esta situación, Manuel Lago lanza unha advertencia clara: non dubidará en acudir aos tribunais para defender a súa honra se considera que se producen ataques que o xustifiquen.

«Por elo non vou dubidar en defender a miña honra onde procede: nos tribunais, o que advirto», conclúe.

As declaracións prodúcense nun contexto no que o líder de Muros Centrado prevé meses de tensión e posibles críticas, e no que reivindica o respecto como límite fundamental no debate público, tamén nas redes sociais.