
A asociación Mar de Fábula fai un chamamento á participación veciñal para colaborar nunha nova xornada de limpeza ambiental na praia do Lago, no concello de Camariñas, que terá lugar este sábado, 28 de novembro, a partir das 11.00 horas.
A iniciativa chega con pouco tempo de antelación debido ás condicións meteorolóxicas propias desta época do ano, pero a entidade anima a todas as persoas interesadas en colaborar na retirada de residuos e na conservación do litoral.
O punto de encontro será o aparcamento da praia do Lago, en Camariñas, e non o Lago de Muxía, como lembra a propia asociación para evitar confusións.
Mar de Fábula encargarase de achegar todo o material necesario para desenvolver a actividade. As persoas voluntarias unicamente deberán levar roupa adecuada para a choiva e inscribirse previamente, co fin de contar coa cobertura dos seguros.
As inscricións poden realizarse a través do correo electrónico info@mardefabula.gal ou no teléfono 660 242 118, facilitando nome, apelidos e DNI.
A xornada contará coa colaboración do Concello de Camariñas e busca implicar a cidadanía na protección do medio natural e na conservación das praias.
Desde a asociación lembran o lema que acompaña esta iniciativa: «Non é o noso lixo, pero si é o noso planeta», unha mensaxe coa que reivindican a responsabilidade colectiva no coidado do medio ambiente.
