Medra o malestar veciñal en Santa Comba por promesas incumpridas e o aumento da débeda municipal

Santa Comba vive un crecente clima de malestar veciñal. Habitantes das aldeas do Busto e de Vilar amosan a súa preocupación polo estado das estradas e denuncian o incumprimento das promesas realizadas polo alcalde sobre o seu arranxo, unha reivindicación histórica que segue sen resposta.

A estas queixas súmase tamén o deterioro de espazos emblemáticos do municipio. A Fervenza de Castriz presenta un estado de abandono que preocupa aos veciños, así como as áreas recreativas da Illa 1 e da Illa 2, onde o paso do tempo e a falta de mantemento son cada vez máis evidentes. Segundo sinalan, “moitas promesas quedaron en palabras e non se traduciron en feitos”.

Outro dos compromisos que xerou expectativas foi a mellora da pista de xeo para Santa Comba. Porén, tras tres anos de lexislatura, non só non se materializou a promesa, senón que nin sequera se instalou unha nova pista, o que incrementa a sensación de desatención por parte do goberno local.

No ámbito económico, o temor tamén vai en aumento. A débeda do Concello acadou cifras récord nos últimos anos. Cando o actual alcalde, Alberto Romar Landeira, accedeu ao cargo, a débeda situábase arredor dos 300.000 euros, mentres que na actualidade supera o millón de euros, segundo denuncian distintas voces veciñais.

Ademais, varios comercios locais continúan á espera de cobrar cantidades que o Concello lles adebeda, unha situación que está a xerar dificultades económicas no tecido empresarial da vila.

A polémica esténdese tamén ao ámbito retributivo e de compatibilidades. O alcalde percibe un salario de arredor de 4.500 euros mensuais, ao que se suma a existencia de catro concelleiros con retribución. Por outra banda, critícase a súa situación de exclusividade, ao manter supostamente varias actividades económicas privadas, unha delas cun ingreso anual de 18.000 euros procedente doutro concello.

Segundo lembran algúns veciños, o marco legal establecido pola Lei de Bases de Réxime Local e a Lei de Incompatibilidades 53/1984 ten como obxectivo evitar conflitos de interese, polo que cuestionan a viabilidade de compatibilizar múltiples actividades económicas co exercicio do cargo público.

Ante este escenario, a veciñanza reclama máis transparencia, cumprimento dos compromisos adquiridos e unha xestión económica responsable que garanta o futuro de Santa Comba.