Misterioso accidente en Val do Dubra: sospeitas sobre a identidade dun dos condutores

O pasado venres 28, arredor das 7:30 da mañá, produciuse un accidente de tráfico entre dous vehículos no núcleo de Bembibre, no municipio de Val do Dubra (Segundo indican diversos veciños). Ata aquí, un suceso que podería considerarse habitual, de non ser polas circunstancias que o rodean.

Segundo fontes consultadas e testemuñas presenciais, un dos vehículos implicados sería propiedade dun membro da corporación municipal. Porén, no parte oficial do accidente non consta que dita persoa estivese implicada no sinistro.(Segundo indican diversos veciños)

As mesmas testemuñas apuntan a que, no momento do accidente, o vehículo era conducido presuntamente por alguén vinculado á corporación, que ía acompañado doutra persoa. Debido aos supostos síntomas de embriaguez que presentaba, esta persoa tería abandonado o lugar dos feitos, deixando no seu lugar a alguén do seu entorno para facerse pasar polo condutor ante as autoridades.

No accidente resultou ferido o ocupante do outro vehículo implicado, que tivo que ser trasladado en ambulancia a un hospital de Santiago de Compostela. Pola súa banda, o suposto condutor do vehículo vinculado á corporación municipal resultou ileso e sen apenas molestias.

Este suceso corre xa de boca en boca entre os veciños do municipio, que destacan tanto a hora do accidente como o presunto cambio de condutor co obxectivo de evitar a identificación real por parte dos axentes de tráfico desprazados ao lugar.

O caso lembra ao acontecido en Santa Comba, onde o exalcalde Landeira presentara a súa dimisión tras ser interceptado nun control de alcoholemia no que deu positivo. Neste novo episodio, de confirmarse os feitos, poderiamos estar ante unha situación semellante, agravada pola posible fuxida do lugar do accidente e a suplantación de identidade para enganar ás autoridades.