
Un home faleceu este luns nun accidente laboral rexistrado nun serradoiro da parroquia de Entíns, no municipio de Outes, despois de que a máquina que estaba reparando cedese repentinamente e caese enriba del.
O accidente produciuse pouco despois das 10:00 horas. Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, os compañeiros de traballo conseguiron liberar a vítima de inmediato, pero cando chegaron os servizos de emerxencias xa non foi posible facer nada por salvarlle a vida.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local de Outes, persoal sanitario do 061, o GES de Noia, os Bombeiros de Boiro e unha patrulla da Garda Civil.
Ademais, o 112 Galicia activou o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) para prestar apoio especializado tanto á familia como aos compañeiros do falecido.
Un tráxico accidente laboral que volve deixar unha vítima mortal e que tingue de loito o municipio de Outes.
O noso máis sentido pésame á familia, amizades e compañeiros de traballo.
