Muros Centrado leva ao Pleno unha moción para reclamar a inclusión de Muros no programa de Hospitalización a Domicilio do SERGAS

O concelleiro de Muros Centrado, Manuel S. Lago Álvarez, presentará no vindeiro Pleno do Concello de Muros unha moción para instar á Xunta de Galicia e ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a incorporar o municipio ao Programa de Hospitalización a Domicilio (HADO), un servizo sanitario que permite que determinados pacientes poidan recibir no seu fogar unha atención especializada equivalente á hospitalaria.

A iniciativa baséase na documentación achegada polo propio SERGAS, da que se desprende que o principal impedimento para que a veciñanza de Muros acceda a este recurso é que o concello non forma parte da actual área de cobertura da unidade HADO da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, malia pertencer á mesma área sanitaria que outros municipios que si dispoñen deste servizo.

Segundo explica a moción, a Hospitalización a Domicilio constitúe un modelo asistencial plenamente consolidado na sanidade pública galega, que contribúe a mellorar a atención aos pacientes e ás súas familias, evita ingresos hospitalarios innecesarios, favorece a recuperación no entorno familiar, optimiza os recursos hospitalarios, reduce o risco de infeccións e humaniza a asistencia sanitaria.

Muros Centrado considera que a exclusión do municipio supón unha desigualdade territorial difícil de xustificar, xa que os veciños e veciñas de Muros non poden acceder a unha prestación sanitaria dispoñible para outros cidadáns da mesma área sanitaria.

A formación destaca ademais que Muros presenta unhas características que fan especialmente necesaria a implantación deste servizo: unha poboación moi envellecida, un elevado número de persoas con enfermidades crónicas e pluripatolóxicas, importantes dificultades derivadas da dispersión xeográfica e da distancia aos hospitais de referencia, así como o feito de ser o concello con maior número de pacientes oncolóxicos da súa área sanitaria.

Na moción tamén se lembra que o principio de igualdade no acceso aos servizos públicos obriga ás administracións a evitar diferenzas territoriais inxustificadas que limiten os dereitos asistenciais da cidadanía.

Entre os acordos propostos ao Pleno figura instar á Xunta de Galicia e ao SERGAS a incorporar Muros á área de cobertura do Programa de Hospitalización a Domicilio, solicitar á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza a modificación da delimitación territorial do servizo, promover un estudo técnico sobre a viabilidade da súa extensión á comarca de Muros e habilitar, mentres non se produza a implantación definitiva, mecanismos excepcionais que permitan a inclusión dos pacientes do municipio cando as súas condicións clínicas o permitan.

A moción tamén contempla dar traslado do acordo á Presidencia da Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade, á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza e á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, co obxectivo de que a demanda do Concello sexa atendida e se corrixa unha situación que, segundo Muros Centrado, prexudica á veciñanza e dificulta o acceso en igualdade de condicións a un servizo sanitario de grande valor asistencial.