Muxía contará cun investimento de preto de 514.000 euros para mellorar a estrada AC-440 entre Suxo e o núcleo urbano

O Concello de Muxía continúa avanzando na mellora das infraestruturas do municipio coa confirmación dunha importante actuación na estrada autonómica AC-440, no tramo comprendido entre Suxo e Muxía, que contará cun investimento próximo aos 514.000 euros.

O anuncio produciuse tras a reunión mantida polo alcalde de Muxía, Javier Sar, acompañado pola tenente de alcalde, Sandra Vilela, coa directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, e coa delegada territorial da Xunta, Belén do Campo.

A actuación permitirá mellorar máis de nove quilómetros desta vía fundamental para as comunicacións do municipio, mediante o reforzo do firme e a renovación da estrada, incrementando así a seguridade viaria e favorecendo unha circulación máis cómoda e segura tanto para vehículos lixeiros como pesados.

Desde o Concello valoran esta intervención como unha actuación estratéxica para o futuro de Muxía, ao tratarse dunha das principais conexións viarias da localidade e unha demanda importante da veciñanza.

O alcalde Javier Sar destacou “a importancia de seguir avanzando en infraestruturas fundamentais para Muxía” e agradeceu “o bo entendemento e a colaboración entre administracións, que permiten que proxectos importantes para a veciñanza poidan converterse en realidade”.

Pola súa banda, o Goberno local quixo poñer en valor a implicación da Xunta de Galicia e a disposición mostrada tanto por Belén do Campo como por Begoña Freire para continuar atendendo as necesidades do municipio.

Ademais, o rexedor avanzou que en próximas datas manterá unha nova reunión coa delegada territorial co obxectivo de concretar novas actuacións e seguir impulsando proxectos estratéxicos para Muxía.

Desde o Concello aseguran que continuarán traballando “con responsabilidade, diálogo e compromiso” para atraer novos investimentos, mellorar os servizos públicos e xerar máis oportunidades para todos os veciños e veciñas do municipio.