Negreira sinalado por falta de transparencia e polémica na xestión da limpeza pública

O Concello de Negreira saíu ao paso das críticas pola suposta falta de persoal de limpeza no CEIP O Coto, no Centro de Saúde e na Fundación Comarca de Barcala, asegurando que en ningún momento se deixou de prestar o servizo e que, a día de hoxe, está normalizado.

Segundo a versión municipal, a situación no colexio produciuse pola baixa laboral de tres empregadas, substituídas inicialmente por persoal dunha empresa externa que abandonou o servizo por un conflito laboral. O Concello recorreu entón á listaxe de substitución, ampliándoa e incorporando novo persoal.

No caso do Centro de Saúde e da Fundación, as traballadoras da empresa tamén serán substituídas por persoal desa mesma listaxe.

Porén, dende o propio Concello insístese en que estes servizos están sendo asumidos pola administración local cando, segundo indican, corresponderían á Xunta. Unha afirmación que xera controversia, xa que a normativa establece que a limpeza dos colexios de educación infantil e primaria é competencia municipal.

A situación abre o debate sobre a xestión dos servizos básicos en Negreira e a responsabilidade real das distintas administracións, especialmente nun contexto no que tamén se cuestiona a falta de actualización do portal de transparencia municipal nos últimos anos.