
Luís Pérez Barral critica a falta de avances tras a moción de censura e cuestiona a xestión da residencia de maiores das Saíñas e da gasolineira de Xarás.
O portavoz do BNG de Ribeira e exalcalde, Luís Pérez Barral, fixo balance do primeiro ano desde a moción de censura que levou á popular María Sampedro á Alcaldía e cualificou este período de “ano perdido” para o municipio. O nacionalista considera que non se cumpriron as promesas de desbloquear proxectos e mellorar a xestión municipal e denuncia a falta de avances en asuntos que considera prioritarios para a veciñanza.
Pérez Barral cuestiona tamén que non se fixeran públicos os termos do acordo que propiciou o cambio de goberno e sostén que a moción respondeu aos intereses do PP e do PBBI. “Prometeron que a moción de censura serviría para desbloquear proxectos, mellorar a xestión e facer avanzar Ribeira, pero o que vemos é falta de iniciativa”, afirmou.
A residencia e a gasolineira, dous focos de conflito
Entre os asuntos que centran as críticas do BNG figura a residencia pública de maiores. A formación cuestiona a intención do actual goberno de trasladar o proxecto das Saíñas ao monte de San Roque, despois dun investimento superior aos 800.000 euros na primeira localización.
Pérez Barral considera que este cambio podería atrasar a construción da infraestrutura e afastar as persoas maiores da vila e das súas familias. Por iso, reclama que se esgoten as posibilidades de executar o proxecto nas Saíñas antes de descartar o investimento realizado.
O exalcalde tamén alerta das posibles consecuencias económicas do conflito arredor da gasolineira de Xarás. Segundo denuncia, a concesión de dúas licenzas que cualifica de ilegais, tras ocultar presuntamente informes desfavorables, podería ocasionar perdas de ata catro millóns de euros para as arcas municipais.
Neste contexto, o portavoz nacionalista cifra en 13 millóns de euros a débeda do Concello e atribúe boa parte dela a obras con sobrecustos. Ao seu xuízo, esta situación podería acabar repercutindo na cidadanía a través de subas de impostos e taxas.
O BNG reivindica os investimentos da súa etapa na Alcaldía
Fronte ás críticas ao actual goberno, Pérez Barral destaca os investimentos realizados durante a súa etapa como alcalde. Segundo os datos achegados polo BNG, destináronse 5,5 millóns de euros a actuacións nas parroquias, principalmente en saneamento, abastecemento e pavimentación, e quedaron preparados outros 1,5 millóns para novas intervencións.
A formación asegura tamén que deixou 6,5 millóns de euros dispoñibles para proxectos futuros e contrapón esa situación á débeda municipal que atribúe á xestión do PP.
O portavoz nacionalista reivindica, ademais, un modelo de Alcaldía baseado no contacto directo coa veciñanza e nas visitas ás parroquias. En contraposición, acusa a María Sampedro de manterse afastada das demandas cidadás e de priorizar, segundo a súa valoración, a imaxe pública fronte á resolución dos problemas municipais.
A mirada posta nas eleccións de 2027
O BNG asegura que manterá unha oposición activa e construtiva, centrada na fiscalización do goberno local e na presentación de alternativas. Pérez Barral destaca tamén o incremento da militancia da formación durante o último ano e as mostras de apoio recibidas desde a moción de censura.
De cara ás eleccións municipais de 2027, o exalcalde afirma que o partido afronta esta etapa con máis ilusión e co obxectivo de recuperar a Alcaldía. “Perder a Alcaldía non nos fixo perder as ganas de traballar por Ribeira”, sinalou.
Pérez Barral concluíu cun chamamento á mobilización cidadá para impulsar un cambio político no municipio: “Axudádenos a erguer unha marea da dignidade para que en 2027 a honestidade volva gobernar en Ribeira”.
