
A formación nacionalista cuestiona a decisión do Goberno local e defende destinar os fondos a mellorar os lavadoiros, incrementar os desbroces e ampliar as zonas verdes do municipio
O BNG da Laracha mostrou o seu malestar ante a decisión do Goberno municipal de destinar recursos a unha iniciativa que, ao seu xuízo, non responde ás necesidades máis urxentes do concello. A formación nacionalista considera que, nun momento marcado pola seca e pola preocupación ante o posible impacto dunha macroplanta sobre os recursos hídricos, o Concello debería priorizar investimentos relacionados coa protección do territorio e coa mellora dos espazos públicos.
Desde o BNG critican que o actual Goberno municipal parece “renegar do carácter rural” da Laracha e propoñen alternativas concretas para empregar eses fondos.
Entre elas, destacan a recuperación e posta en valor dos lavadoiros das parroquias, unha iniciativa que aseguran ter presentado xa no pleno municipal. A proposta pasa por rehabilitar estes espazos e convertelos en lugares de ocio e encontro veciñal, incorporando zonas de sombra e aproveitando as fontes existentes, sempre que conten cos correspondentes controis de calidade da auga.
Outra das propostas sinaladas pola formación nacionalista é a adquisición de maquinaria municipal propia para incrementar os traballos de desbroce nas cunetas. O BNG lembra que o Goberno local ten argumentado en distintas ocasións as dificultades para contratar empresas que realicen estes traballos e considera que a solución podería pasar por dotar o Concello dos medios necesarios para asumir directamente parte do servizo.
“Non é nada novo”, sinalan desde o BNG, que poñen como exemplo outros concellos da comarca que xestionan directamente este tipo de labores. Segundo a formación, esta proposta tamén foi trasladada ao pleno municipal sen que, ata o momento, obtivese resposta favorable por parte do Goberno.
A formación nacionalista reclama igualmente un incremento das zonas verdes e do arborado autóctono no municipio. Consideran que a creación de espazos con vexetación é unha medida especialmente importante para combater os efectos das altas temperaturas e para mellorar a calidade dos espazos públicos.
Porén, o BNG sitúa a participación cidadá como unha das cuestións fundamentais. A formación defende que a veciñanza debe ter un papel activo na definición das prioridades do Concello e reclama que se creen mecanismos reais para coñecer as súas necesidades e opinións.
“Sobre todo, hai que preguntar á cidadanía, escoitar e animar a xente a participar nas decisións sobre como mellorar o concello”, defenden desde o BNG, que aposta por unha participación cidadá real na xestión municipal.
A formación nacionalista considera, en definitiva, que os recursos públicos deberían orientarse cara a actuacións que melloren directamente a vida nas parroquias, reforcen os servizos municipais e contribúan á protección ambiental e territorial da Laracha.