
O BNG de Cabanas denuncia o progresivo deterioro do sendeiro da costa, onde se están a producir novas caídas de árbores e corrementos de terra que comprometen o estado do camiño e poden poñer en risco a seguridade das persoas usuarias.
A formación nacionalista asegura que xa trasladou esta situación ao Concello e reclama unha intervención inmediata para evitar posibles accidentes.
Desde o BNG afirman que levan «moito tempo» advertindo dos problemas existentes neste percorrido, pero critican que, ata o momento, o goberno local non adoptase medidas para solucionar a situación.
«Non podemos agardar a que aconteza unha desgraza para actuar», advirten, insistindo en que a seguridade da veciñanza debe ser unha prioridade.
A formación reclama así que o Concello actúe canto antes para reparar os danos, retirar as árbores caídas e garantir unhas condicións seguras no sendeiro da costa.
