
Un grave accidente de tráfico rexistrado este venres pola tarde na estrada de Catabois, en Ferrol, saldouse coa morte dunha muller e con outro home ferido de gravidade, que tamén foi vítima do atropelo.
O suceso tivo lugar á altura do número 739 da citada vía, nas proximidades da Pastelería Valencia. Segundo a información dispoñible, o vehículo circulaba en dirección á AG-64 cando se produciu o atropelo.
O 112 Galicia recibiu o aviso arredor das 18:30 horas e activou os servizos de emerxencia para acudir ao lugar do accidente e atender as dúas vítimas.
A pesar da intervención dos equipos de asistencia, a muller faleceu como consecuencia das lesións sufridas. Pola súa banda, o home foi trasladado en estado grave ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).
O tráxico suceso causou unha profunda conmoción nesta zona de Ferrol.
